O Concello de Santiago de Compostela, a través do departamento de Emprego e o CEXTEC (Centro de Excelencia Tecnolóxica, Emprego e Coñecemento de Santiago de Compostela) organiza un ciclo de xornadas sobre o emprego, o talento e o desenvolvemento económico, en que axentes do tecido produtivo e da comunidade investigadora de Compostela transmitirán os seus coñecementos e iniciativas na xestión do talento para innovar, mellorar a produtividade e crear emprego de calidade.
Obxectivo xeral
- Valorizar o talento como o elemento clave para a innovación e o crecemento económico, no marco dun modelo sustentable que garanta o emprego digno.
Obxectivos específicos
- Apoiar a difusión e a transferencia de coñecementos e boas prácticas na xestión do talento.
- Favorecer o coñecemento da realidade empresarial para mellorar a empregabilidade.
- Axudar ao desenvolvemento das competencias para o emprego e ao descubrimento dos talentos.
- Contribuír ás iniciativas que favorezan a captación e a retención do talento.
- Contribuír ao desenvolvemento de redes de colaboración entre entidades públicas e privadas para reforzar a innovación e a excelencia no emprego.
Público destinatario
- As xornadas diríxense principalmente e de xeito xenérico ás persoas desempregadas, se ben en función da empresa/entidade participante delimitaranse os perfís profesionais obxectivo.
Duración e formato
- O ciclo desenvolverase durante o segundo semestre de 2021 cunha xornada ao mes. As xornadas realizaranse no salón de actos do edificio administrativo Cersia e serán gravada para a súa posterior difusión nas redes sociais da Axencia Local de Colocación e do CEXTEC.
- Cada xornada terá unha duración de unha hora e media, con media hora máis de coloquio ou preguntas por parte do público asistente. O formato deberá ter un carácter divulgativo e un enfoque práctico.