Rede de Excelencia CEXTEC

O CEXTEC ten un dos seus eixos de actuación principais a creación dunha rede de excelencia no emprego dirixida a articular iniciativas colaborativas que faciliten a innovación, incrementen a produtividade e xeren emprego de calidade. Converter Compostela nunha cidade con capacidade de atracción e retención do talento esixe a implicación de todos os axentes económicos e sociais, polo que cómpre articular redes de colaboración que favorezan a transferencia de coñecementos e o impulso de iniciativas comúns.

As actividades da rede CEXTEC diríxense a promover a innovación na xestión do talento e a mellorar a produtividade e o emprego da cidade. Desde esta perspectiva, o abano potencial de actuacións da rede é moi amplo e diverso, estando sempre aberto ás iniciativas dos membros da rede e ás prioridades que se propoñan en cada momento. 

A Rede de Excelencia do CEXTEC continúa medrando

Quen pode facer parte da rede?

O CEXTEC é unha iniciativa do Concello de Santiago de Compostela que procura configurar unha rede aberta á participación pública e privada de entidades interesadas na innovación no marco de emprego e a xestión do talento. Así poden facer parte da rede:

  • Universidades
  • Empresas
  • Asociacións empresariais e clusteres
  • Entidades relacionadas co ámbito da formación e o emprego ou sensibilizadas coa xestión do talento

Actuacións da Rede de Excelencia

  • Colaborar na elaboración dun mapa de recursos local, relacionado co emprego e a xestión do talento, que facilite unha información actualizada do mercado laboral e contribúa á eficiencia no uso dos recursos dispoñíbeis.
  • Apoiar o desenvolvemento dun observatorio en que se recollan estudos e informes sobre a situación e a evolución do mercado laboral local.
  • Favorecer a programación de encontros que favorezan a conexión e o coñecemento mutuo entre empresas, profesionais, investigadores/as e universitarios/as.
  • Secundar a programación de actividades formativas dirixidas a universitarios/as para desenvolver as súas competencias, coñecer o mercado laboral e favorecer a súa empregabilidade.
  • Colaborar na programación de actividades formativas dirixidas a xerentes e/ou profesionais relacionados/as coa xestión do talento, para a mellora e a innovación dos procesos desde unha perspectiva estratéxica e integral.
  • Axudar na recompilación, difusión e transferencia de experiencias e boas prácticas na xestión do talento.
  • Apoiar o fomento da realización de estudos académicos centrados no ámbito do emprego e a xestión do talento e impulso dunha revista científica especializada.
  • Acompañar a convocatoria de premios ás boas prácticas das empresas na xestión do talento e aos traballos académicos relacionados co dito ámbito.
  • Favorecer a elaboración de proxectos para a innovación na atracción, retención e retorno do talento e a mellora no mercado de emprego e, no seu caso, subscrición de acordos de participación para a o financiamento, a captación de investimentos e o desenvolvemento dos ditos proxectos. 
  • Participar nun evento anual público sobre a xestión do talento, que inclúa relatorios técnicos, difusión de experiencias empresariais e boas prácticas, estudos e propostas innovadoras desde o ámbito universitario.

Adhesión á rede e formas de participación

Para formar parte da rede CEXTEC o único requisito é ser unha empresa/institución/entidade interesada ou sensibilizada coa innovación na xestión do talento para a mellora do mercado laboral de Santiago de Compostela.

As organizacións socias poden adquirir, sempre voluntariamente, diferentes graos de implicación coa rede en función das súas necesidades ou dispoñibilidades. Desto modo, é posíbel desde unha participación que se limite ao seguimento e acompañamento das actividades da rede (participación en xornadas, actividades de formación, enquisas sobre cuestións relacionadas co talento, etc) até unha colaboración máis estreita, ratificados no seu caso por convenio, que derive no desenvolvemento de proxectos específicos de innovación na xestión do talento que favorezan a xeración de emprego e o incremento da produtividade.

Os menbros da Rede de Exelencia terán visibilidade con tal condición na web e nas diversas publicacións vinculadas ao CEXTEC.

Ademais, estableceranse canles de comunicación desde a coordinación do CEXTEC para informar periodicamente sobre as diversas novidades, actividades e iniciativas que xurdan no seo da rede.

A adhesión á rede pode formalizarse enchendo o seguinte enlace. 

This post is also available in: Spanish English