O CEXTEC DESENVOLVE UN PROXECTO PARA FOMENTAR A IGUALDADE DA MULLER NO MERCADO LABORAL
O CEXTEC, concretamente o Concello de Santiago xunto coa Vicerreitoría de Igualdade da Universidade Santiago a través do programa Woman Emprende, elaborou un programa que ten como obxectivo principal favorecer a contratación do talento feminino, eliminando calquera nesgo de xénero, consciente ou inconsciente, que exista nos procesos de selección.
O dito proxecto, denomimado Talento en Feminino, vaise presentar nos próximos días á convocatoria REC (Dereitos, Igualdade e Cidadanía) da Comisión Europea. As diversas actividades que se propoñen no proxecto céntranse en dotar ás empresas e aos/ás profesionais de xestión das persoas de coñecementos e ferramentas de innovación tecnolóxica que favorezan a presenza da muller no mercado laboral en condicións de igualdade, coa erradicación dos nesgos e prexuízos existentes nos procesos de selección e no propio ámbito laboral.
Para fortalecer e consolidar no tempo estas actuacións procurarase a coordinación e a implicación de todos os axentes socioeconómicos de Compostela, aproveitando para iso ferramentas do CEXTEC como o Observatorio e a Rede de Excelencia no Emprego.