O CEXTEC IMPULSA O ESTUDO DA XESTIÓN DO TALENTO EN COMPOSTELA

O CEXTEC ten como obxectivo promover o talento, e as boas prácticas na súa xestión, para favorecer o desenvolvemento dun mercado local sustentable, innovador e inclusivo. Como punto de partida para impulsar propostas e actividades resulta necesario coñecer o estado da cuestión na comarca de Compostela, polo que desde o CEXTEC se iniciou un estudo diagnóstico sobre a xestión do talento.

Este estudo de investigación céntrase nos datos e nas perspectivas das empresas de Santiago e a súa área de influencia sobre a cuestión do talento, atendendo a diversos aspectos: recrutamento e selección do talento; retención do talento; “employer branding”; conciliación da vida persoal e laboral; formación continua; desenvolvemento da carreira profesional; clima laboral; cuestións xerais e autovaloración na xestión do talento.

Para a realización deste estudo contactarase con perto de 500 empresas da comarca de Compostela, coa perspectiva de conformar un panel de empresas que permita realizar estudos anuais sobre a materia e comprobar así a evolución na xestión do talento. Estas investigacións sobre o mercado laboral serán as que de xeito principal dean contido ao Observatorio do CEXTEC e estarán a disposición das empresas e da cidadanía en xeral na nosa web.

COMEZA A POSTA EN MARCHA DA REDE DE EXCELENCIA NO EMPREGO QUE PROMOVE O CEXTEC

Para favorecer a innovación e a creación dun emprego de calidade o CEXTEC ten como un dos seus eixos fundamentais a creación dunha rede público-privada que implique aos diversos axentes económicos e sociais.

Esta rede busca promover iniciativas colaborativas e a transferencia de coñecementos para o desenvolvemento de proxectos que axuden á retención e á captación do talento. Por este motivo o abano de posibilidades da rede resulta moi amplo, tanto a nivel temático (formación, proxectos, investigación aplicada, etc., sempre en relación co emprego, a innovación e a xestión do talento), como en canto ás fórmulas e os graos de participación de cada empresa ou entidade.

Neste mes de decembro iniciáronse as actuacións de difusión da rede mediante contactos por correo electrónico e teléfono con entidades e empresas significativas da comarca de Compostela. Tamén é posíbel que a organización interesada se dea de alta na rede a través da propia web do CEXTEC, enchendo este formulario https://www.cextec.com/formulario-rede-de-excelencia/