O Concello de Santiago de Compostela, como membro e impulsor do Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela, ten como un dos seus obxectivos máis relevantes apoiar o desenvolvemento produtivo local, a creación de emprego e un modelo de xestión do talento que estimule a súa atracción e retención.
Con esta finalidade, e dentro das accións do Pacto Local polo Emprego, convoca estes premios para incentivar a realización de estudos académicos relacionados co emprego, a xeración de emprego e a xestión do talento, así como favorecer a difusión do coñecemento xerado.
Coa vocación de xerar coñecemento compartido para o desenvolvemento dun mercado de traballo local orientado a crear mais e mellores postos de traballo na cidade, fomentando a investigación de estudantes e académicos/as arredor dunha mesma problemática, para atopar solucións que incidan na xeración de emprego.
Os traballos académicos obxecto desta convocatoria refírense ás seguintes categorías, cun total de 20.000 EUR en premios: Traballos Fin de Grao (TFG); Traballos Fin de Mestrado (TFM); Teses de Doutoramento; e Traballos de Investigación. As liñas temáticas dos ditos traballos terán que estar relacionadas co ámbito do emprego, a xestión do talento e os recusos humanos.
Os traballos académicos deberán:
- Ou ben, ter sido presentados e defendidos na Universidade de Santiago de Compostela nos cursos2018/19 ou 2019/2020, ou tratarse de traballos inéditos elaborados por profesores/as e investigadores/as vinculados a grupos de investigación desta universidade.
- Ou ben, ter sido presentados e defendidos nos cursos 2018/19 ou 2019/2020 por alumnos/as empadroados/as en Santiago de Compostela ou tratarse de traballos inéditos elaborados por profesores/as e investigadores/as empadroados/as en Santiago de Compostela.
As bases dos premios a traballos académicos sobre emprego convocados polo Concello de Santiago foron publicadas BOP da Coruña nº 198 do 20 de novembro de 2020.
O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais desde o día seguinte á publicación da convocatoria, polo que o prazo de presentación de candidaturas finaliza o 5 de decembro de 2020.