O CEXTEC ACOMPAÑA A ENTREGA DE PREMIOS DA IV EDICIÓN DO CONCURSO INNOVATIA 8.3

O Instituto de las Mujeres e a Universidade de Santiago de Compostela, no marco do proxecto Innovatia 8.3, celebran hoxe 11 de outubro o acto de entrega de premios da IV Edición do Concurso nacional “Innovatia 8.3, Premios ás empresas lideradas por mulleres e creadas co apoio das universidades ou OPIs”, no Salón Nobre de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, abordando temáticas relacionadas co emprendemento universitario desde a óptica da economía feminista, o emprendemento tecnolóxico liderado por mulleres e a aposta das universidades españolas pola igualdade nos procesos de transferencia do coñecemento. Nesta edición presentáronse 33 proxectos empresariais, dos cales 18 son candidatos ao Premio de proxecto empresarial de Base Tecnolóxica e 15 ao Premio de proxecto empresarial Startup.

O persoal técnico do CETEC foi convidado a participar no acto que ademais da presentación dos proxectos e a entrega de premios, inclúe unha serie de relatorios sobre o emprendemento feminino. Entre as diferentes intervencións que se están sucedendo ao longo da mañá, Isabel Jiménez Lucena, vicerreitora da Universidade de Málaga valorizou os principios que se  recollen na Lei 14/2011, do 1 de xuño, da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación; a directora do Instituto de las Mujeres, María Antonio Morillas reflexionou sobre como o rol histórico de asunción dos coidados polas mulleres limitou as súas carreiras, polo que resulta fundamental o labor no sistema educativo e transmitir ás nenas os exemplos de mulleres referentes no ámbito profesional, no emprendemento e na investigación.

Esta perspectiva coincide coa liña xeral das iniciativas e proxectos que desenvolveu o CETEC desde a súa posta en marcha, buscando favorecer un mercado laboral inclusivo, para o cal é necesario proporcionar modelos que promovan e reforcen as vocacións científicas