O CEXTEC DESENVOLVE UN PROXECTO PARA A IMPLANTACIÓN DA FORMACIÓN DUAL NA UNIVERSIDADE

A proposta, impulsada polo Concello de Santiago a través do CEXTEC, ten como obxectivo xeral estudar o impacto potencial da formación dual no ámbito universitario, para unha implantación coherente coas necesidades das titulacións e das empresas relacionadas co sector biotecnolóxico, así como para mellorar a aprendizaxe, fomentar o emprego, a captación/retención do talento e impulsar novos proxectos emprendendores.

O proxecto, denominado Biotech Dual Education, presentarase este ano á convocatoria Erasmus+ de Asociacións estratéxicas no ámbito da educación e a formación. Co impulso do Concello de Santiago como coordinador, en principio serán socios do proxecto a Universidade de Santiago de Compostela, a Câmara de Braga, a Universidade do Minho e o Centro Nacional para a Investigación Científica en Francia.

O desenvolvemento deste proxecto enmárcase nas actividades da Rede de Excelencia no emprego do CEXTEC, da que tamén forma parte a Universidade de Santiago.