O CEXTEC COLABORA CO PACTO POLAS CAPACIDADES QUE PROMOVE A COMISIÓN EUROPEA
O Concello de Santiago de Compostela a través do CEXTEC (Centro de Excelencia Tecnolóxica, Emprego e Coñecemento de Santiago de Compostela) está a colaborar coa Comisión Europea na difusión do Pacto polas Capacidades coa perspectiva de intensificar as liñas de cooperación nesa e nas restantes iniciativas da Axenda de Capacidades Europea.
O Pacto polas Capacidades é a primeira das 12 iniciativas recollidas na Axenda de Capacidades Europea. Trátase dun novo modelo para o impulso das competencias que axudará a afrontar os desafíos da COVID-19 no camiño da recuperación económica, dentro do marco da Estratexía Industrial Europea e das transicións verde e dixital. Por iso, o principal obxectivo do Pacto é o de mobilizar e incentivar ás partes interesadas para que emprendan accións para a mellora e actualización das capacidades profesionais das persoas en idade de traballar. Este Pacto, cuxo lanzamento oficial está previsto para o próximo mes de novembro durante a Semana Europea das Capacidades Profesionais, diríxese á unión de esforzos da industria, empregadores públicos e privados, entidades sociais, provedores de educación/formación e axencias de emprego.
Para desenvolver e reforzar ese Pacto polas Capacidades a Comisión Europea está recompilando información sobre a visión que teñen as partes interesadas a través dunha enquisa. Este cuestionario, que estará dispoñible até o próximo 12 de outubro, pode completarse en 10-15 minutos.
Por outra parte, nos próximos días o equipo técnico do CEXTEC terá un encontro virtual con membros da Comisión Europea para falar das vías de colaboración arredor do Pacto polas Capacidades.