RESOLTA A PRIMEIRA EDICIÓN DOS PREMIOS A TRABALLOS ACADÉMICOS SOBRE EMPREGO

Esta mañá reuniuse o xurado dos premios do emprego, presidido polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. Estes premios, organizados polo Concello de Santiago, teñen como obxectivo incentivar a realización de estudos académicos relacionados coa xeración de emprego e a xestión do talento. En total, premiáronse 6 traballos.

Os premios recoñecen os traballos realizados en catro categorías: traballos fin de grao (TFG); traballos fin de mestrado (TFM); teses de doutoramento; e traballos de profesores/as e investigadores/as; e en cada unha delas recoñécense tres estudos dos cursos 2018/2019 e 2019/2020 cun primeiro, un segundo e un terceiro premio. Os gañadores foron os seguintes:

A. Traballos Fin de Grao (TFG)
1º premio (1000 euros)
O salario mínimo: situación na UE, comparativa nos mercados de traballo español e francés e efectos sobre o emprego.

Segundo o xurado, “este TFG aborda unha cuestión de especial interese no debate público, desde unha perspectiva comparada que, ente outros aspectos, permite concluír que a revalorización dos salarios mínimos conlevou en Francia un aumento do poder adquisitivo mentres que en España supuxo unha perda do dito poder de compra”.

2º premio (750 euros)
Las diferencias y desigualdades entre hombres y mujeres en el mercado de trabajo español.

Destácase deste TFG que “estuda un tema de plena actualidade, constatando que non existe unha igualdade entre homes e mulleres no mercado español, sendo, entre outras, unha das principais causas que o traballo doméstico recaia principalmente nas mulleres. O estudo chama a profundar nas políticas que garantan unha igualdade real, o cal ademais repercutirá positivamente na produtividade e na riqueza da sociedade”.

3º premio (500 euros)
La gestión de la felicidad laboral: un reto para las empresas.

Neste caso revísase “unha das cuestións que máis inciden nunha eficaz xestión do talento e que está a reivindicarse publicamente cada vez máis desde o ámbito laboral. Neste sentido conclúese que a felicidade laboral (bo clima de traballo, conciliacións da vida persoal e profesional, etc.) é moi valorada polos/as traballadores/as, e que esa mellora das condicións laborais non supón perdas para empresaria, todo o contrario: o retorno empresarial é moito maior”.

B. Traballos Fin de Mestrado (TFM)
1º premio (1250 euros)
La dimensión colectiva de la economía de plataformas.

A valoración do xurado indica que este TFM trata “unha cuestión que debe abordarse na actualidade, como é a aplicación ao traballo en plataformas da normativa reguladora da dimensión colectiva da relación laboral. O traballo amosa un bo deseño metodolóxico e establece unha serie de conclusións e propostas que, cun maior desenvolvemento, poden contribuír a clarificar a situación do dereito do traballo nestas plataformas”.

2º premio (1000 euros)
La trampa del trabajo no estándar: ¿Son los precarios económicos también precarios políticos? Los efectos de la precariedad laboral en términos de participación política.

Saliéntase que este documento “estuda un elemento que afecta á calidade do sistema democrático, particularmente a incidencia da precariedad laboral na participación política, atendendo a diversas variables dos suxeitos. O autor do traballo propón ampliar o estudo xa non tanto ao ámbito das relación laborais concretas, senón ás biografías precarias a nivel económico.

O terceiro premio, dotado con 500 euros, quedou deserto.

C. Teses de Doutoramento
1º premio (2500 euros)
Análise dos Fondos Europeos para innovación rexional: Avaliación do programa FEDER-Innterconecta do Fondo Tecnolóxico para Galicia en 2007-2015.

“O autor desta tese de doutoramento valorada con sobresaliente cum laude, analiza a incidencia dun programa europeo na innovación empresarial galega, con propostas de mellor e incidencia no incremento do emprego”, salientou o xurado.

O segundo e o terceiro premio, dotados con 2000 e 1500 euros respectiva, quedaron desertos. A última categoría, relativa a traballos de profesores/as e investigadores/as tamén quedou deserta.

Xurado
O xurado dos premios está composto por Xosé A. Sánchez Bugallo, alcalde de Sanitago, en calidade de presidente; Xabier Ferreiro Campos, responsable de Emprego do Concello, como secretario; Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da USC e catedrático de Enxeñaría Química; Rosa Mª Regueiro Ferreira, coordinadora dos TFG (Traballos Fin de Grao) da Facultade de Económicas da USC; Xoan Doldán, decano da Facultade de Ciencias Económicas da USC; Silvia Moscoso, profesora titular de Psicoloxía do Trabajo e decana da Facultade de Relacións Laborais; e Gustavo Marcos Cancela, consultor.

Tal e como establecen as Bases reguladoras da presente convocatoria na súa base sexta apartado 5: “Realizadas as valoracións o xurado emitirá o seu fallo, establecéndose un período de 3 días naturais dende a súa emisión para a presentación de alegatos”. As reclamacións, que se presentarán no Rexistro Municipal, serán contestadas polo propio xurado. Transcorrido este prazo o veredicto será considerado definitivo e será elevado á Xunta de Goberno Local como órgano competente para resolver o concurso.