CIENTÍFICAS GALEGAS COMPARTIRÁN A SÚA HISTORIA POR STREAMING EN “AS CIENCIAS ESCRÍBENSE EN FEMININO”

 O xoves 11 de febreiro ás 12.00h terá lugar “As ciencias, as nenas”, o evento online por streaming para colexios e institutos de Galicia para celebrar o Día Internacional da Muller e a nena na Ciencia, data promovida polas Nacións Unidas. A día de hoxe son case de 4.000 alumnas e alumnos de moitos centros eductativos de Galicia que formalizaron inscrición á xornada de divulgación en liña. A concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, acompañada polo técnico de Emprego Rubén Anido, presentou o evento en rolda de prensa.

O xoves 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Ese mesmo día, ás 12.00h, terá lugar unha xornada de divulgación destinada aos centros educativos de Galicia que será difundida por streaming para respetar os grupos burbulla. Mercedes Rosón salientou a importancia da iniciativa e a súa transversalidade, xa que se puxo en marcha dende dous departamentos do Concello: Políticas de Igualdade e Emprego.

Esta acción promovida polo Concello de Santiago, a través do CEXTEC e Talentia Summit, está destinada a alentar as estudantes con información e referentes a seguir no ámbito das ramas científicas ou STEM (sigla en inglés de ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas). Neste Día Internacional é preciso asumir o compromiso de poñer fin ao desequilibrio de xénero nestas disciplinas.

Trátase dun evento online para todos os centros educativos de Galicia. Será emitido por streaming, o xoves 11 de febreiro ás 12.00 horas e contará coa participación de quince mulleres relevantes nas disciplinas STEM. Á súa vez, dun xeito moi ameno e divertido, as empresas de animación científica e cultural Vermislab e Ciencia Divertida compartirán divertidos experimentos.

Son xa máis de 4.000 alumnas e alumnos de toda Galicia as que confirmaron a súa participación na xornada. Importantes científicas galegas contaranlles as principais vantaxes que ten estudar unha carreira científica. Esta actividade está orientada ás rapazas galegas de entre 9 e 16 anos que están estudando nos colexios e institutos e comezando a valorar diferentes carreiras profesionais e académicas.

Quince grandes profesionais galegas en diferentes ramas das ciencias
Para compartir a súa experiencia, traxectoria e os motivos que as levaron a formarse académica e profesionalmente nas ciencias, “As ciencias escríbense en feminino” contará coa participación de:

– Mónica Remiseiro González, Product Owner, departamento de TI en FINSA.
– Diana Maroño Mosquera, enxeñeira en Electrónica industrial e automatización na Oficina Técnica Fábrica Santiago en FINSA.
– Lorena Domínguez, enxeñeira de telecomunicación e Project Manager da área de negocio de Hospitality en Televés.
– Montse Ponte, programadora de desenvolvemento web en Dinahosting.
– Andrea Alfonso, analista e especialista en Administración electrónica en Everis.
– Ana Ferrer, responsable de dirección e xestión de proxectos TI en Plexus Tech.
– Diana Peleteiro, enxeñeira química, responsable de potabilización de VIAQUA
– Laura Hospido, economista e Unit Head en Banco de España.
– Lucía Sánchez Pereira, enxeñeira de minas en Seguridade A1
– Bibiana Rodiño, enxeñeira mecánica e CEO de Beta Implants
– Laura Muinelo Romay, responsable da Unidade de Análise de Biopsia Líquida en Oncomet.
– Eva Domínguez, directora financeira de Tecdesoft, enxeñeira de camiños.
– Jessica Sieira Piñeiro, enxeñeira informática en CONNECTIS Iberia.
– Elena Rodríguez, doctora en ciencia enxeñería de materiales, coordinadora da Unidade de Materiais Avanzados en AIMEN.
– Rosa Arias, enxeñeira química, CEO e Fundadora de Science for Change.

Aberta a inscrición para centros educativos
Os centros educativos interesados en participar soamente teñen que cumprimentar un sinxelo formulario de inscrición para formar parte desta xornada única. Esta iniciativa está orientada a rapazas de entre 9 a 16 anos, que estean a cursar 5º e 6º de Primaria, así como os catro cursos de Ensinanza Secundaria Obrigatoria. Actualmente, son ao redor de 4.000 alumnas e alumnos inscritos de máis de 45 centros educativos diferentes.

MOITOS CENTROS EDUCATIVOS GALEGOS ÚNENSE Á XORNADA EN LIÑA “AS CIENCIAS ESCRÍBENSE EN FEMININO”

 O xoves 11 de febreiro ás 12.00h terá lugar un evento online por streaming para colexios e institutos de Galicia para celebrar o Día Internacional da Muller e a nena na Ciencia, data promovida polas Nacións Unidas. Máis de 3000 alumnas e alumnos de moitos centros eductativos de Galicia xa confirmaron a súa asistencia á xornada de divulgación en liña.

O xoves 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Ese mesmo día, ás 12.00h, terá lugar unha xornada de divulgación destinada aos centros educativos de Galicia que será difundida por streaming para respectar os grupos burbulla.

Esta acción promovida polo Concello de Santiago, a través do CEXTEC e Talentia Summit, está destinada a alentar as estudantes con información e referentes a seguir no ámbito das ramas científicas ou STEM (sigla en inglés de ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas). Neste Día Internacional é preciso asumir o compromiso de poñer fin ao desequilibrio de xénero nestas disciplinas.

Son máis de 3.000 alumnas e alumnos de toda Galicia que xa confirmaron a súa participación na xornada. Mediante un divertido evento, máis de dez importantes científicas galegas contaranlles as principais vantaxes que ten estudar unha carreira científica. Esta actividade está orientada ás rapazas galegas de entre 9 e 16 anos que están estudando nos colexios e institutos e comezando a valorar diferentes e diversas carreiras profesionais e académicas.

O prazo de inscrición continúa aberto para o evento, que será emitido en streaming de forma simultánea para todos os centros de ensinanza (colexios e institutos) de toda Galicia que realicen o rexistro a través da web talentiasummit.com. O evento combinará as testemuñas e presentacións destas mulleres científicas galegas relevantes no campo das STEM, con divertidos experimentos científicos.

O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia foi aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas co fin de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, e ademais para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e as nenas.

“AS CIENCIAS ESCRÍBENSE EN FEMININO”, UNHA XORNADA DIVULGATIVA PARA O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

O vindeiro xoves 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, data promovida polas Nacións Unidas.

Con motivo desta celebración, o CEXTEC organiza un evento por streaming destinado aos centros educativos, cun formato ameno e divertido orientado a alentar ás mulleres novas en STEM, dándolles información e modelos a seguir.

O Concello de Santiago promove esta iniciativa formando parte do movemento global do “Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia” promovido pola ONU que se realizará o próximo día xoves 11 de febreiro de 2021. Mediante un divertido evento, algunhas das mellores científicas galegas contaranlles as principais vantaxes que ten estudar unha carreira científica no ámbito de diferentes disciplinas: ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas.

O obxectivo principal deste evento é brindar ás estudantes modelos de diferentes opcións de profesións científicas,  e axudalas a ser conscientes do seu gran potencial, a superar os estereotipos e inspiralas.

Así, a ONU destaca que o notable desequilibrio de xénero nos campos de STEM impide que as mentes de homes e mulleres  traballen xuntas para achegar perspectivas diferentes e diversas á innovación necesaria para enfrontar os desafíos actuais da nosa sociedade.

A actividade está orientada ás rapazas galegas de entre 9 e 15 anos que están estudando nos colexios e institutos e comezando a valorar diferentes e diversas carreiras profesionais e académicas.

O evento será emitido en streaming de forma simultánea para todos os centros de ensinanza (colexios e institutos) de toda Galicia que se rexistren en talentiasummit.com

Grandes profesionais da ciencia, presentarán a súa traxectoria, os proxectos que levan a cabo e as vantaxes de forxarse un futuro nas diferentes disciplinas científicas. O evento combinará as conferencias e presentacións das científicas con xogos didácticos e experimentos para ofrecer un contido ameno e divertido.

A inscrición no evento pódese realizar enchendo este formulario https://form.typeform.com/to/HYQDcXyV

RESOLTA A PRIMEIRA EDICIÓN DOS PREMIOS A TRABALLOS ACADÉMICOS SOBRE EMPREGO

Esta mañá reuniuse o xurado dos premios do emprego, presidido polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. Estes premios, organizados polo Concello de Santiago, teñen como obxectivo incentivar a realización de estudos académicos relacionados coa xeración de emprego e a xestión do talento. En total, premiáronse 6 traballos.

Os premios recoñecen os traballos realizados en catro categorías: traballos fin de grao (TFG); traballos fin de mestrado (TFM); teses de doutoramento; e traballos de profesores/as e investigadores/as; e en cada unha delas recoñécense tres estudos dos cursos 2018/2019 e 2019/2020 cun primeiro, un segundo e un terceiro premio. Os gañadores foron os seguintes:

A. Traballos Fin de Grao (TFG)
1º premio (1000 euros)
O salario mínimo: situación na UE, comparativa nos mercados de traballo español e francés e efectos sobre o emprego.

Segundo o xurado, “este TFG aborda unha cuestión de especial interese no debate público, desde unha perspectiva comparada que, ente outros aspectos, permite concluír que a revalorización dos salarios mínimos conlevou en Francia un aumento do poder adquisitivo mentres que en España supuxo unha perda do dito poder de compra”.

2º premio (750 euros)
Las diferencias y desigualdades entre hombres y mujeres en el mercado de trabajo español.

Destácase deste TFG que “estuda un tema de plena actualidade, constatando que non existe unha igualdade entre homes e mulleres no mercado español, sendo, entre outras, unha das principais causas que o traballo doméstico recaia principalmente nas mulleres. O estudo chama a profundar nas políticas que garantan unha igualdade real, o cal ademais repercutirá positivamente na produtividade e na riqueza da sociedade”.

3º premio (500 euros)
La gestión de la felicidad laboral: un reto para las empresas.

Neste caso revísase “unha das cuestións que máis inciden nunha eficaz xestión do talento e que está a reivindicarse publicamente cada vez máis desde o ámbito laboral. Neste sentido conclúese que a felicidade laboral (bo clima de traballo, conciliacións da vida persoal e profesional, etc.) é moi valorada polos/as traballadores/as, e que esa mellora das condicións laborais non supón perdas para empresaria, todo o contrario: o retorno empresarial é moito maior”.

B. Traballos Fin de Mestrado (TFM)
1º premio (1250 euros)
La dimensión colectiva de la economía de plataformas.

A valoración do xurado indica que este TFM trata “unha cuestión que debe abordarse na actualidade, como é a aplicación ao traballo en plataformas da normativa reguladora da dimensión colectiva da relación laboral. O traballo amosa un bo deseño metodolóxico e establece unha serie de conclusións e propostas que, cun maior desenvolvemento, poden contribuír a clarificar a situación do dereito do traballo nestas plataformas”.

2º premio (1000 euros)
La trampa del trabajo no estándar: ¿Son los precarios económicos también precarios políticos? Los efectos de la precariedad laboral en términos de participación política.

Saliéntase que este documento “estuda un elemento que afecta á calidade do sistema democrático, particularmente a incidencia da precariedad laboral na participación política, atendendo a diversas variables dos suxeitos. O autor do traballo propón ampliar o estudo xa non tanto ao ámbito das relación laborais concretas, senón ás biografías precarias a nivel económico.

O terceiro premio, dotado con 500 euros, quedou deserto.

C. Teses de Doutoramento
1º premio (2500 euros)
Análise dos Fondos Europeos para innovación rexional: Avaliación do programa FEDER-Innterconecta do Fondo Tecnolóxico para Galicia en 2007-2015.

“O autor desta tese de doutoramento valorada con sobresaliente cum laude, analiza a incidencia dun programa europeo na innovación empresarial galega, con propostas de mellor e incidencia no incremento do emprego”, salientou o xurado.

O segundo e o terceiro premio, dotados con 2000 e 1500 euros respectiva, quedaron desertos. A última categoría, relativa a traballos de profesores/as e investigadores/as tamén quedou deserta.

Xurado
O xurado dos premios está composto por Xosé A. Sánchez Bugallo, alcalde de Sanitago, en calidade de presidente; Xabier Ferreiro Campos, responsable de Emprego do Concello, como secretario; Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da USC e catedrático de Enxeñaría Química; Rosa Mª Regueiro Ferreira, coordinadora dos TFG (Traballos Fin de Grao) da Facultade de Económicas da USC; Xoan Doldán, decano da Facultade de Ciencias Económicas da USC; Silvia Moscoso, profesora titular de Psicoloxía do Trabajo e decana da Facultade de Relacións Laborais; e Gustavo Marcos Cancela, consultor.

Tal e como establecen as Bases reguladoras da presente convocatoria na súa base sexta apartado 5: “Realizadas as valoracións o xurado emitirá o seu fallo, establecéndose un período de 3 días naturais dende a súa emisión para a presentación de alegatos”. As reclamacións, que se presentarán no Rexistro Municipal, serán contestadas polo propio xurado. Transcorrido este prazo o veredicto será considerado definitivo e será elevado á Xunta de Goberno Local como órgano competente para resolver o concurso.

O FORO ECONÓMICO DE GALICIA ANALIZA A FUGA DE TALENTO GALEGO

O Foro Económico de Galicia publicou esta semana un informe sobre a fuga de talentos en Galicia en que se destaca a necesidade de que se abra un debate público e se impulsen iniciativas sobre a cuestión. O documento sinala que a ausencia de estatísticas precisas sobre esa mobilidade supón unha dificultade engadida á planificación de medidas para reverter a situación. En calquera caso, as estimacións do informe amosan a importancia dos custes para Galicia desa fuga de talentos e recóllense unha serie de recomendacións para a retención e o retorno do dito talento.

20.000 € EN PREMIOS A TRABALLOS ACADÉMICOS RELACIONADOS CO EMPREGO

O Concello de Santiago de Compostela, como membro e impulsor do Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela, ten como un dos seus obxectivos máis relevantes apoiar o desenvolvemento produtivo local, a creación de emprego e un modelo de xestión do talento que estimule a súa atracción e retención.

Con esta finalidade, e dentro das accións do Pacto Local polo Emprego, convoca estes premios para incentivar a realización de estudos académicos relacionados co emprego, a xeración de emprego e a xestión do talento, así como favorecer a difusión do coñecemento xerado.

Coa vocación de xerar coñecemento compartido para o desenvolvemento dun mercado de traballo local orientado a crear mais e mellores postos de traballo na cidade, fomentando a investigación de estudantes e académicos/as arredor dunha mesma problemática, para atopar solucións que incidan na xeración de emprego.

Os traballos académicos obxecto desta convocatoria refírense ás seguintes categorías, cun total de 20.000 EUR en premios: Traballos Fin de Grao (TFG); Traballos Fin de Mestrado (TFM); Teses de Doutoramento; e Traballos de Investigación. As liñas temáticas dos ditos traballos terán que estar relacionadas co ámbito do emprego, a xestión do talento e os recusos humanos.

Os traballos académicos deberán:

  • Ou ben, ter  sido presentados e defendidos na Universidade de Santiago de Compostela nos cursos2018/19 ou 2019/2020, ou tratarse de traballos inéditos elaborados por profesores/as e investigadores/as vinculados a grupos de investigación desta universidade.
  • Ou ben, ter sido presentados e defendidos nos cursos 2018/19 ou 2019/2020 por alumnos/as empadroados/as en Santiago de Compostela ou tratarse de traballos inéditos elaborados por profesores/as e investigadores/as empadroados/as en Santiago de Compostela.

As bases dos premios a traballos académicos sobre emprego convocados polo Concello de Santiago foron publicadas BOP da Coruña nº 198 do 20 de novembro de 2020.

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais desde o día seguinte á publicación da convocatoria, polo que o prazo de presentación de candidaturas finaliza o 5 de decembro de 2020.

A PARTICIPACIÓN DO CEXTEC NO TALENTIA SUMMIT 2020

A pasada semana, do 23 ao 27 de novembro, o CEXTEC participou na última edición do Talentita Summit. Nesta ocasión o evento, organizado pola área de emprego do Concello de Santiago, tivo un carácter 100% virtual a través da web https://www.talentiasummit.com en todas as súas actividades de Feira: stands virtuais de empresas e entidades; cursos de formación e exames de certificación online; webinars; ofertas de emprego; sesións de mentoring e orientación profesional; entrevistas virtuais con empresas e entidades.

O éxito de participación deste evento enfocado no emprego e na xestión do talento reflíctese nas cifras acadadas nesa semana: máis de 43.000 usuarios/as activos/as; máis de 2.500 usuarios/as nos cursos de formación e nos exames de certificación; máis de 80 stands virtuais de empresas e entidades; máis de 3.000 citas virtuais con empresas e entidades para ofertas de emprego e información xeral; máis de 800 sesións de mentoring e orientación; e máis de 300 ofertas de emprego para máis de 700 postos de traballo.

O CEXTEC colaborou na organización do evento e participou activamente no seu desenvolvemento. Entre as actividades máis destacadas do CEXTEC no Talentia pódense sinalar as que seguen:

  • Contactar, informar e xestionar a presenza de diversas empresas e centros de investigación no evento co obxecto de reforzar a colaboración da rede de excelencia que promove o CEXTEC en todas aquelas iniciativas relacionadas co ámbito do talento.
  • Impulsar a realización de webinars por parte de empresas e centros de investigación que axudasen a difundir as súas iniciativas de innovación e emprego para o incremento do coñecemento e a mellora da produtividade.
  • Expor os obxectivos e actividades do CEXTEC nun stand virtual propio.
  • Atender ás persoas usuarias que solicitaron unha cita virtual co CEXTEC.
  • Difundir o informe sobre xestión do talento na empresa de Santiago de Compostela e área de influencia realizado polo CEXTEC https://www.talentiasummit.com/gl/cextec-centro-excelencia-texnoloxica/ tanto no que se refire ao documento do informe como a unha webinar de difusión dos principais resultados do estudo

 

O CEXTEC PUBLICA O ESTUDO “A XESTIÓN DO TALENTO NA EMPRESA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA E ÁREA DE INFLUENCIA”

O Observatorio do CEXTEC vén de elaborar e publicar o informe “A xestión do talento na empresa de Santiago de Compostela e área de influencia”. Este estudo realizouse partindo de entrevistas desenvolvidas entre decembro de 2019 e febreiro de 2020, polo que tamén vai servir de base comparativa sobre o impacto da COVID19 na xestión do talento de cara aos próximos estudos sobre a materia que seguirás realizando o Obxervatorio.

O CEXTEC COLABORA CO PACTO POLAS CAPACIDADES QUE PROMOVE A COMISIÓN EUROPEA

O Concello de Santiago de Compostela a través do CEXTEC (Centro de Excelencia Tecnolóxica, Emprego e Coñecemento de Santiago de Compostela) está a colaborar coa Comisión Europea na difusión do Pacto polas Capacidades coa perspectiva de intensificar as liñas de cooperación nesa e nas restantes iniciativas da Axenda de Capacidades Europea.

O Pacto polas Capacidades é a primeira das 12 iniciativas recollidas na Axenda de Capacidades Europea. Trátase dun novo modelo para o impulso das competencias que axudará a afrontar os desafíos da COVID-19 no camiño da recuperación económica, dentro do marco da Estratexía Industrial Europea e das transicións verde e dixital. Por iso, o principal obxectivo do Pacto é o de mobilizar e incentivar ás partes interesadas para que emprendan accións para a mellora e actualización das capacidades profesionais das persoas en idade de traballar. Este Pacto, cuxo lanzamento oficial está previsto para o próximo mes de novembro durante a Semana Europea das Capacidades Profesionais, diríxese á unión de esforzos da industria, empregadores públicos e privados, entidades sociais, provedores de educación/formación e axencias de emprego.

Para desenvolver e reforzar ese Pacto polas Capacidades a Comisión Europea está recompilando información sobre a visión que teñen as partes interesadas a través dunha enquisa. Este cuestionario, que estará dispoñible até o próximo 12 de outubro, pode completarse en 10-15 minutos.

Por outra parte, nos próximos días o equipo técnico do CEXTEC terá un encontro virtual con membros da Comisión Europea para falar das vías de colaboración arredor do Pacto polas Capacidades.